OFICINA DE ATENCIÓN AOS AFECTADOS POLA CONSTRUCCIÓN DA VARIANTE
O BNG de Outes pedirá ao concello que abra unha oficina temporal para informar e
asesorar aos viciños de Outes afectados pola construcción da denominada
"Variante de Outes", que atravesa, entre outros, os lugares de Ribas de Mar,
Rates, Lagoa e Bendimón.
Esta é a moción presentada polo BNG o pasado 17 de Xullo.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Nestes momentos a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no marco do proxecto de construcción dunha variante na C-550 ao seu paso por Outes atópase redactando o proxecto definitivo que deberá sair a exposición pública en próximas datas. Este proxecto conleva a ocupación de numerosas propiedades nos lugares de Ribas de Mar, Rates, Lagoa, Bendimón e outros lugares do municipio. Este feito fai necesario que os cidadáns afectados polas ocupacións conten coa máxima información posíbel e o asesoramento pertinente, de cara a que a afectación e os danos ocasionados nas súas propiedades sexan os menores posíbeis.
Por esa razón o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Outes proponlle ó Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:
ACORDO:
Que o Concello de Outes cree unha oficina temporal, cos medios técnicos e humanos necesarios, de cara a atender as necesidades de información e asesoramento dos cidadáns afectados pola afectación dos terreos.
En Outes a 17 de Xullo de 2006

