sexta-feira, julho 21, 2006

OFICINA DE ATENCIÓN AOS AFECTADOS POLA CONSTRUCCIÓN DA VARIANTE

O BNG de Outes pedirá ao concello que abra unha oficina temporal para informar e
asesorar aos viciños de Outes afectados pola construcción da denominada
"Variante de Outes", que atravesa, entre outros, os lugares de Ribas de Mar,
Rates, Lagoa e Bendimón.

Esta é a moción presentada polo BNG o pasado 17 de Xullo.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Nestes momentos a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no marco do proxecto de construcción dunha variante na C-550 ao seu paso por Outes atópase redactando o proxecto definitivo que deberá sair a exposición pública en próximas datas. Este proxecto conleva a ocupación de numerosas propiedades nos lugares de Ribas de Mar, Rates, Lagoa, Bendimón e outros lugares do municipio. Este feito fai necesario que os cidadáns afectados polas ocupacións conten coa máxima información posíbel e o asesoramento pertinente, de cara a que a afectación e os danos ocasionados nas súas propiedades sexan os menores posíbeis.

Por esa razón o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Outes proponlle ó Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:


ACORDO:

Que o Concello de Outes cree unha oficina temporal, cos medios técnicos e humanos necesarios, de cara a atender as necesidades de información e asesoramento dos cidadáns afectados pola afectación dos terreos.

En Outes a 17 de Xullo de 2006

segunda-feira, julho 03, 2006

PLENO DO 28 DE XUÑO (MOCIÓN)

O PP votou en contra dunha moción do BNG que solicitaba a revisión dos gastos en organos de goberno no orzamento de 2006. A moción atendía a un compromiso expresado polo alcalde nun pleno anterior que ao votar en contra, incumple a súa propia palabra. Por outra banda, o grupo municipal do PP, segue a "poñerse as botas" á conta dos cartos de todos. Recordamos que os concelleiros que forman parte da Comisión de Goberno reciben 90 € por sesión (cando as dietas no resto das comisións ascenden a 60 €) ; ademais o grupo municipal do PP, a maiores dos salarios do alcalde e teniente de alcalde, recibe 2.400 € mensuais.

MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Na sesión plenaria do pasado 29 de Novembro, o ser Alcalde comprometeuse –tal e como consta na acta aprobada do devandito pleno- a revisar os gastos do capítulo de organos de goberno se existía algún concello cunha porcentaxe menor de gasto nesa partida (sobre o orzamento total). Consultados os orzamentos previstos de diversos concellos da comarca o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Outes puido comprobar que:
a) No concello de Carnota, o gasto en de organos de goberno representa un 1,31% do orzamento total.
b) No concello de Lousame o gasto en de organos de goberno representa un 2,66% do orzamento total.
c) No concello de Outes o gasto en organos de goberno ascende a 3,34% do orzamento total.

Polas razóns indicadas e atendendo ao compromiso asumido polo Sr. Alcalde, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Outes proponlle ó Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:


ACORDO:

- Que se procede á modificación inmediata do crédito previsto para atender ao gasto en organos de goberno nos orzamentos de 2006 do concello de Outes.
- Que entre as partidas onde se leven a cabo reduccións se inclúa a destinada a dietas por Comisións de Governo (polo que os representantes en ditas comisións reciben 90 €, cando a participación no resto das comisións ascende a 60 €).

ERRO NA RESEÑA RECOLLIDA EN LA VOZ DE GALICIA

A reseña recollida por La Voz de Galicia referente ao pleno do pasado 29 de Xuño ten un erro ao indicar que o BNG se opuxo ás propostas de concesión do San Cosmeiro de Ouro realizadas por PP e PSOE. O BNG abstívose en ámbalas dúas propostas ao considerar que o procedemento de concesión non é democrático. De feito, no propio pleno aprobouse o regulamento polo que a partires de agora o San Cosmeiro de Ouro será outorgado por unha comisión creado ao efecto e formada por tódolos grupos políticos. Curiosamente o regulamento aprobouse despois de aprobarse a proposta do grupo de goberno de concesión do San Cosmeiro.

domingo, julho 02, 2006

PLENO DO 28 DE XUÑO (ROGOS)



No pleno do pasado 28 de Xuño o BNG presentou os seguintes rogos:

ROGO 1: Pista deportiva de Ribas de Mar:
A pista deportiva localizada en Ribas de Mar presenta un lamentábel estado de abandono que constitúe ademáis un potencial perigo para os seus usuarios. Entre os problemas que amosa están os seguintes:
- As porterías non están fixadas ao chan, e non teñen redes.
- A xunta de dilatación é excesicamente ancha.
- Non evacúa convenientemente a auga da choiva.
Rógase que, no prazo de tempo máis curto posíbel, se procede ao adecentamento destas instalacións.

ROGO 2: Contedores soterrados na Ribeira do Freixo
Nestes momentos estanse a executar as obras de mellora das instalacións portuarias e da fachada marítima da Ribeira do Freixo. Polo que puido coñecer o G.M. do BNG de Outes entre as actuacións prevese a colocación dunha área para contedores de residuos.
Rógase que, no lugar dos tradicionais contedores ao ar libre, se instalen contedores soterrados pois consitúen unha mellor solución de cara a incrementar a calidade de vida de cidadáns e usuarios.

ROGO 3. Reparación dos viais do lugar de Siavo (Freixo) (FOTO)
Debido ás obras de saneamento o estado de varios viais da zona de Siavo é lamentábel, situación que levan sufrindo os veciños dende fai varios meses.
Rógase que, no prazo de tempo máis curto posíbel, se proceda ao adecentamento deses viais.

ROGO 4. Retirada vehículo na Capela de San Paio (San Lourezo):
Na parroquia de San Lourenzo, á beira da Capela de San Paio, atópase dende fai varios meses un coche abandonado.
Rógase que se inician os trámites necesarios, por parte do concello, para que dito coche sexa retirado do lugar onde se atopa.

ROGO 5. Adecentamento área antiga escola unitaria de Tarás:
A antiga escola de Tarás conta cunha pequena pista de deportes anexa que agora mesmo está inservíbel e que, dada a súa situación, podería adecentarse como mirador e como área de recreo realizando un pequeno investimento. Do mesmo xeito, cumpriría adecentar as propias instalación da escola que, como podemos comprobar nos distintos procesos eleitorais, amosan un estado de abandono.