sexta-feira, abril 28, 2006

PLENO ORDINARIO ABRIL

No pleno do 27 de Abril de 2006 o BNG de Outes presentou as seguintes iniciativas:

1. MOCIÓN

Numerosos lugares do concello de Outes contan cunha moi deficiente cobertura da sinal de televisión debido a inexistencia de infraestructura adecuada.
Por esa razón o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Outes proponlle ó Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:

ACORDO:

- Que dende o concello se faga un breve estudio identificación daqueles lugares onde a conbertura é deficiente.
- Que se inste aos organismos e entidades pertinentes á dotar de infraestructura adecuada de cara a solucionar as eivas identificadas.

A moción foi aprobada por unanimidade.


2. ROGO:

As beiras de numerosos ríos do noso concello, entre os que se atopa o río Merlán ao seu paso polo estrada de Rates, amosan un estado de abandono o cal –se ben en grande parte do curso dos devanditos ríos non resulta un inconvinte- si que da lugar a diversas problemáticas nas zonas máis achegadas as poboacións. Por todo iso, rógase que dende o Concello se adecúen as beiras dos ríos naqueles tramos nos que transcurren máis achegados as vivendas.

3. Pregunta:

O pasado dia 22 de Marzo, saíron publicadas no DOG unhas liñas de axudas destiñadas desde a Consellaria de Innovación e Industria a impulsar o comercio, cun orzamento de máis de 7.8 millóns de euros. Estas axudas están incluídas no Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego que entre outras cuestións persegue o impulso dos espazos de uso comercial como fórmula para conxugar os intereses entre o comercio e o entorno no que se desenvolve a súa actividade.

Entre outras medidas aplicadas por esta consellaría, a Xunta de Galiza está a facer unha aposta clara polo pequeño e mediano comercio. Outras axudas destiñadas directamente a este sector para a renovación e mellora dos estabelecementos, así como as axudas destiñadas a potenciar o comercio no rural ou da artesanía, son unha mostra disto.

Que xestións se realizaron dende a alcaldía para beneficiarse destas actuacións destinadas á mellora do comercio local?

O goberno municipal contestou que se enviaran aos comerciantes a información sobre as devanditas axudas e que, nas liñas dirixidas aos concellos, se solicitara o amaño da rúa do Conchido onde se celebra a feira unha vez ao mes.

Dende o BNG consideramos que se debería ter aproveitado esta liña de axudas para, en coordinación cos comerciantes, desenvolver un plano de dinamización do comercio en Outes. Non podemos obviar a febleza extrema do tecido comercial do concello polo que se fai necesario poñer todos os recursos e ideas ao servizo deste sector co obxectivo de crear riqueza e emprego. Por outra banda non é suficiente con enviar unha misiva aos comerciantes informándoos das axudas senón que debería ser o propio concello, a partir da oficina de desenvolvemento local, quen apoiara e canalizara esas axudas.