sexta-feira, dezembro 09, 2005

POSICIONAMENTO DO BNG DE OUTES EN RELACIÓN Á “VARIANTE DE OUTES”

En relación ao proxecto de mellora da C-550 que no municipio de Outes conlevaría a construcción dunha variante de 4.700 metros con viaducto sobre a ría entre Ribas de Mar e Rates, o BNG de Outes solicitará que se proceda á paralización cautelar dos trámites nos que se atopa o devandito proxecto até que:

a) non sexa definido, presentado e na medida do posíbel consensuado por parte da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, un plano integral de mellora das infraestructura viarias para a comarca de Muros-Noia. Non podemos esquecer que calquera tipo de infraestructura debe responder a prantexamentos globais que traten de vertebrar o territorio e que sexan respectuosos co medio ambiente. A pertinencia deste proxecto queda, ademáis, en entredito cando outros proxectos da comarca están sendo reprantexados.

b) non se fagan públicos os informes elaborados polas distintas consellerías en relación a este proxecto e en particular os relacionados co impacto sobre as actividades marisqueiras e pesqueiras e sobre o medioambiente. Non podemos esquecer que esta actuación afecta a espazos incluídos na Rede Natura 2000, que contan cunha especial significación e protección pola súa singularidade ecolóxica. Do mesmo xeito, é clara a importancia das actividades marisqueiras no tecido económico do noso concello e dos demáis concellos da ría de Muros-Noia.

En Outes, a 4 de Decembro de 2005