sexta-feira, novembro 18, 2005

DECLARACIÓN DO BNG AO RESPECTO DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL (PXOM) DE OUTES

Nestes momentos atópase en fase de elaboración o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Outes de tal xeito que existe xa un documento inicial que, unha vez enviado á Xunta de Galicia, é pertinente que sexa revisado de cara a continuar os trámites para a aprobación inicial no pleno. En relación a isto o BNG manifesta o seguinte:

- O BNG de Outes considera esencial contar cun PXOM acaído á realidade do noso concello no tempo máis curto posíbel e nese sentido priorizaremos a colaboración e o consenso en todo momento para acadar este obxectivo. O BNG agarda e traballará para que tódalas administracións que directa ou indirectamente están vinculadas á aprobación do PXOM, actúen coa maior dilixencia posíbel.

- O BNG entende que o proceso de aprobación do PXOM debe estar aberto ao conxunto da cidadanía que é para quen, en definitiva, está dirixido. Neste sentido, unha vez que este documento sexa aprobado inicialmente en pleno, o BNG apostará por facer chegar toda a información aos cidadáns de cara a que presenten alegacións e defendan os seus lexítimos intereses no marco do ben común.

- O BNG cre que até o momento o grupo de governo non actou coa suficiente transparencia nesta cuestión e, como mostra, non se convoca convenientemente á Comisión Especial para a Elaboración do PXOM, como sería pertinente.

En Outes, a 17 de Novembro de 2005