quinta-feira, agosto 25, 2005

SOLUCIÓNS PARA O SANEAMENTO PÚBLICO

O BNG presenta no pleno do 25 de Agosto a seguinte moción sobre o saneamento público:

O mal funcionamento do servizo de saneamento está a causar graves danos medioambientais e de salubridade en diversos puntos do Concello. Un destes problemas é o que cronicamente acontece en Bendimón, onde o que parece ser un reiterado mal funcionamento da estación de bombeo deriva en verquidos ao río –xusto debaixo da ponte cercana ao lavadoiro e a escasos metros de diversas vivendas. Ditos verquidos desprenden un forte olor e, por outra banda, están a causar un gravísimo dano medioambiental na flora e fauna fluvial.

Por todo isto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Outes proponlle ó Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes:

ACORDOS:

1. Que dende o concello se busque unha solución definitiva, no prazo máis breve posíbel, a este problema de funcionamento do servizo de saneamento en Bendimón.
2. Que, no prazo máis curto posíbel, se dispoña dun informe técnico exhaustivo sobre o funcionamento de toda a rede de saneamento do concello co obxectivo de identificar e solucionar eventuais problemas.

sexta-feira, agosto 12, 2005

RENOVACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG

Despois de 15 anos realizando unha extraordinaria laboura como portavoz municipal do BNG no Concello de Outes, Francisco Quintela anunciou a súa renuncia a acta de concelleiro que se fará efectiva no pleno do vindeiro 25 de Agosto.

A renuncia de Francisco Quintela implicará a toma de posesión como concelleira de Mariña Villaverde, que concurrira no posto número 3 nas listas municipais e que leva varios anos colaborando activamente no BNG.

Dende a Asamblea Local do BNG de Outes queremos agradecer o enorme traballo desenvolvido por Paco Quintela nestes anos e que foi decisivo para a implantación do nacionalismo galego no noso concello.