sexta-feira, abril 08, 2005

INFORMACIÓN SOBRE A VARIANTE DE OUTES NO PARLAMENTO DE GALIZA

BNG-OUTES
En relación co proxecto anunciado pola Xunta de Galiza de construción dunha ponte no termo municipal de Outes , os deputados no Parlamento de Galiza: Tereixa Novo Arrojo e Xosé Henrique Rodríguez Peña, do BNG, presentaron recentemente, unhas cuestións , a instancia da Asemblea Local do BNG en Outes, e dirixidas á Mesa do Parlamento, polas que se pretende obter INFORMACIÓN sobre o citado proxecto, xa que a día de hoxe existen numerosas e importantes incertidumes sobre a situación do mesmo, en especial no que se refire á planificación temporal técnica e económica do proxecto. Así, o BNG solicita que se dean as oportunas explicacións sobre o proxecto, porque dereito básico da cidadanía é a información clara e precisa sobre calquera actuación das administracións públicas, criterio fundamental que debe necesariamente presidir a actividade pública, evitando, mediante a publicidade necesaria, a opacidade e o escurantismo , polo que se insta a que se solucione esta situación de “desinformación” canto antes, nas cuestións que se reproducen literalmente :

Á Mesa do Parlamento
Tereixa Novo Arrojo e Xosé Hernrique Rodríguez Peña, deputada e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresentan a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita, relativa á mellora da estrada c-550 no tramo Muros-Noia.
Nos orzamentos da Comunidade Autónoma do ano 2005, aparecen dúas partidas orzamentarias no capítulo de investimentos reais da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, baixo o epígrafe “Mellora trazado e capacidade da C-550 Cee-Tui, TR. Muros-Noia, SUBTR: Límite Muros-Outes. Unha, a 06.03.413V.6003 por valor de 264.671 Eur. E outra, a 06.03.413V.6001 por valor de 2:735.329 Eur.; ambalas dúas se complementan cunha previsión de gasto para os orzamentos do 2006 de 176.448 Eur. E 2.224.043 Eur. Respectivamente.
Toda vez que non se especifica nada máis, e a día de hoxe nas comarcas afectadas non se ten coñecemento de ter iniciado ningunha mellora no tramo citado, é polo que apresentamos a seguinte pregunta para a súa resposta escrita.
1ª) ¿ A que se van adicar as partidas orzamentarias anteriormente citadas?.
2ª) ¿En que fase se atopan os proxectos, se é que existen?. ¿Foron expostos ao público nalgún dos concellos afectados?.
3ª) ¿Forma parte deste proxecto de mellora a denominada “variante de Outes”?. ¿En que consiste exactamente esta variante?.
4ª) ¿Que prazos temporais se teñen previstos?. ¿Cando se vai empezar e que prazo de finalización se preve para a variante de Outes?