quarta-feira, janeiro 19, 2005

O BNG PEDIRÁ QUE OS SERVIZOS DO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA POIDAN UTILIZARSE CANTO MENOS 40 HORAS Á SEMANA

O recentemente inaugurado "punto de atención á infancia" na Serra de Outes podería non ter utilidade algunha se se manteñen as restriccións actuais á hora de contar cos seus servizos. As normas de funcionamento de dito centro indican que só se poderan deixar aos cativos un máximo de 15 horas á semana. Esto fai que un dos colectivos que potencialmente usarían máis os servizos deste centro: as parellas traballadoras, non poidan utilizalo posto que -sendo as xornadas laborais de 40 horas, polo xeral- as 15 horas non resolven ningún problema.

Esto fai que ditas parellas teñan que buscar este tipo de servizos fóra do noso concello, incentivando así o abandono do noso concello cara outros onde hai máis posibilidades de traballo e tamén mellores servizos públicos.

Por todo isto o BNG de Outes instará ao governo municipal a que se amplíen canto menos á 40 horas á semana o tempo que cada rapaz pode permanecer neste centro.

quarta-feira, janeiro 12, 2005

SOLIDARIEDADE COS AFECTADOS POLO MAREMOTO


O BNG DE OUTES CONTRIBUIRÁ ECONOMICAMENTE NA AXUDA AOS PAÍSES AFECTADOS POLO MAREMOTO E PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN AO PLENO PARA QUE DURANTE TRES MESES SE DONEN AS ASIGNACIÓNS ECONÓMICAS QUE O CONCELLO DE OUTES DESTINA AOS PARTIDOS POLÍTICOS Á AXUDA AOS DAMNIFICADOS POLA CATÁSTROFE DO “TSUNAMI”
A Asemblea Local do BNG de Outes acordou donar a asignación que recibe do Concello durante tres meses á axuda aos damnificados pola traxedia do maremoto .
Tamén se presentará unha moción ao Pleno do Concello para que se ceda a asignación do Concello aos grupos políticos durante un trimestre para a colaboración cos afectados.
O maremoto provocou unha traxedia humana conmovedora ademais de danos económicos e medioambientais de moi difícil ou imposíbel reparación. Ademais esta catástrofe afectou a países que teñen serios problemas de atraso económico polo que as consecuencias agrávanse máis debido á escasa capacidade que teñen para responder.e á falla de medios materiais. Os habitantes destes países enfróntanse aos efectos destrutivos dun fenómeno natural e a esta desgraza vénse sumar a outras “ondas” non menos perniciosas: a da pobreza a nível mundial, a das desigualdades internacionais e a do funcionamento dunha economía que condena inexorabelmente á maior parte da humanidade á miseria .Por isto, no BNG de Outes, entendemos que neste momento débese poñer de manifesto a solidariedade internacional, que os afectados precisan con urxencia, e decidimos facer esta cesión de diñeiro e ademais instaremos, mediante unha moción no vindeiro Pleno, a que esta colaboración se faga a nível institucional, é dicir, que o resto dos grupos con presenza no Concello secunden esta iniciativa.