segunda-feira, novembro 08, 2004

TRATAMENTO ILEGAL DOS RESIDUOS DE OBRAS POR PARTE DO CONCELLO

O BNG quere denunciar publicamente a actitude carente de respecto coa legalidade vixente e co Medio Ambiente que está a ter o grupo de Goberno do PP en Outes; este comportamento foi confirmado publicamente polo mesmo Alcalde López Crespo no Pleno do pasado xoves día 27 de outubro en repetidas ocasións, tal como consta na Acta correspondente; Dous exemplos concretos, poden poñer de manifesto un comportamento que ademais de ilegal consideramos que é totalmente impropio dunha autoridade pública nunha sociedade minimanente avanzada:
· PISCINA MUNICIPAL:. Tras a fractura inesperada da construción do recipiente da piscina por motivos que se descoñecen, o Alcalde non ten reparos en afirmar no Pleno, que unha parte dos residuos de tal desfeita foron enterrados, para poder proceder a instalar un novo recipiente; estamos por tanto ante a confesión pública dunha forma de proceder que non só constitúe unha infracción senón que ademais ten graves efectos contaminantes. Os residuos de obras teñen que ser transportados polo seu productor a vertedoiros especiais habilitados ao efecto e nunca soterrados, así se estabelece na normativa vixente, pero o Alcalde non só incumpre a lexislación, senón que ademais fachendea publicamente delo. Queremos manifestar o noso desexo,polo ben de todos, de que as obras da piscina, se fagan correctamente e estean rematadas canto antes, pois até o momento só podemos dicir que estamos asistindo a unha verdadeira desfeita sen precedentes no Concello de Outes e que, como xa é sabido, se lle foi absolutamente das mans ao Sr. Crespo.
· VERQUIDOS INCONTROLADOS NOUTROS LUGARES: O Alcalde tamén recoñece no Pleno que en zonas como a braña que existe no lugar do Areal estanse verquendo entullos de obras polo propio Concello, un novo recoñecemento público da infracción que se está cometendo; o Alcalde procedeu recentemente, nun acto hipócrita e de cara a galería, a ceibar aves de orixe autóctono , unha auténtica cerimonia esperpéntica se temos en conta que esa farsa se estaba a realizar nun humidal onde o mesmo López Crespo ordea con frecuencia o verquido de entullos de obras cuns efectos que están á vista de calquera que se achegue até o lugar: unha penosa demostración de dobre moral.
O BNG lembra que os residuos de obras deben ser xestionados conforme ao procedimento que estabelece a normativa e que son feitos moi graves os que están a ocorrer, que chegan até estremos esperpénticos cando escoitamos ao Alcalde confesalos nun Pleno nun acto de verdadeira mofa de toda a cidadanía. O BNG quere denunciar publicamente esta situación tan lamentábel de abuso de poder, no que o goberno municipal prescinde total e absolutamente do procedimento legalmente estabelecido ao estilo dunha “república bananeira”.

BNG de Outes
2 de novembro de 2004