sábado, novembro 06, 2004

PROPOSTAS DO BNG SOBRE A SITUACIÓN DO SERVIZO MÉDICO NO CENTRO DE SAÚDE DE OUTES


O BNG quere poñer de manifesto a problemática situación que se está a dar no Centro de Saúde de Outes. Así, son numerosas as queixas que os veciños da localidade están manifestando, que se basean sobre todo en problemas de desatención. A isto hai que sumarlle a denuncia pública que sobre esta situación de precariedade xa fixeron algúns delegados de persoal do SERGAS. O problema principal estriba en que non hai persoal suficiente, de tal xeito que os profesionais sanitarios teñen que atender aos doentes con excesiva rapidez cos serios problemas derivados desta situación: incremento do risco de erros na atención, diminución xeral da calidade do servizo, longas esperas antes da atención, descontento dos doentes etc. O persoal do centro está sometido a un ritmo que non é o recomendábel nen para os doentes, nen para eles. Pero se a situación en xeral do servizo é manifestamente mellorábel, o problema acada especial gravidade polas tardes, así, unha soa doutora vese na obriga de atender tanto aos pacientes que chegan como algunhas urxencias, das cales algunhas son a domicilio; isto chega a provocar incluso que o Centro chegue a quedar desatendido; por todo isto :
· Solicitamos que como primeira medida urxente, e sen prexuízo doutras melloras que se deben de levar a cabo nun futuro, se incremente o persoal do turno de tarde,no Centro de Saúde de Outes; como mínimo precísase un médico máis.
· En congruencia co exposto incluiremos como unha demanda máis das que faremos para o proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2.005, no relativo a Outes, o incremento do gasto preciso para a mellora do servizo.
· Tamén solicitaremos no Pleno do Concello do xoves 28 de outubro que o Concello de Outes leve a cabo as xestións oportunas para a mellora da situación.

BNG en Outes
27 de outubro de 2004