quarta-feira, novembro 24, 2004

O CENTRO DE SAÚDE DE OUTES NECESITA MÁIS MÉDICOS



No Pleno Ordinario celebrado o día 28 de outubro deste ano 2004, o concelleiro e portavoz do Grupo Municipal, Francisco M. Quintela Romero, presentou a seguinte moción para que se dote o Centro de Saúde de Outes con máis médicos:


Antonte saiu nos medios de comunicación unha reseña na que se facia mención á necesidade de máis persoal sanitario no Centro de Saúde de Outes. A situación de deterioro que se está a dar dende fai algún tempo é do dominio público. Así, son numerosas as queixas que teñen manifestado os usuarios da sanidade pública, e que se orientan, sobre todo, a problemas de desatención. A isto hai que sumarlle a denuncia pública que, sobre a situación de precariedade, teñen feito algúns delegados de persoal do SERGAS.
O problema principal estriba en que non hai persoal suficiente, de tal xeito que, os profesionais sanitarios, teñen que atender aos doentes con excesiva rapidez, cos serios problemas derivados desta situación: incremento do risco de erros na atención, diminución da calidade do servizo, longas esperas antes da atención, descontento dos doentes, etc. O persoal do centro está sometido a un ritmo que non é o recomendábel nen para os doentes, nen para eles.
A situación do servizo, ainda que é manifestamente mellorábel pero soportable, polas mañáns, acada especial gravidade polas tardes. Así, unha soa doutora vese na obriga de atender tanto aos pacientes do seu cupo como ás urxencias que chegan ao Centro de Saúde, das que algunhas son nos domicilios, o que provoca, incluso, que o Centro quede desatendido.
Polo o exposto, o Grupo Municipal do BNG, solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:

ACORDO

Que Sr. Alcalde se dirixa ás autoridades sanitarias, nomeadamente ao Sr. Conselleiro de Sanidade e á Dirección do SERGAS, de maneira inmediata, e xestione o nomeamento dun médico máis, para o Centro de Saúde de Outes, que atenda ás urxencias que xurdan polas tardes e a enfermos de cupo, se fose necesario.


A moción quedou sobre a mesa á espera de que se reuniran os representantes do médicos coa dirección do SERGAS para tratar este problema