segunda-feira, novembro 01, 2004

CONTRATACIÓN SERVIZO DE LIMPEZA

O BNG de Outes quere denunciar neste escrito a actitude carente de transparencia e prevaricadora que está amosar o alcalde de Outes, C. López Crespo e o PP na súa xestión de goberno. En concreto, a nosa denuncia está referida á subcontratación dos servizos de limpeza de xardíns e áreas públicas que pretende levar a cabo o equipo de goberno. Neste sentido o alcalde non tivo reparos en afirmar, a preguntas do BNG sobre o estado lamentábel de determinados xardíns e áreas, que estaban esperando a que rematara de constituírse unha empresa para outorgarlle as labouras de limpeza.

Ante estas declaracións que están recollidas nas actas dos plenos do día 18 de Maio e 24 de Xuño de 2004, o BNG non pode máis que avergoñarse da absoluta indecencia amosada polo Sr. Alcalde e que converte ao noso Concello nunha auténtica república “bananera”. Queremos recordarlle ao PP e ao Sr. Alcalde que a xestión pública ten que rexirse pola transparencia e pola igualdade en canto ó tratamento dos cidadáns, aspectos estes que non parecen entrar no vocabulario dos gobernantes de Outes.

Neste mesmo sentido o BNG está a estudar a posibilidade de denunciar os feitos enunciados perante a fiscalía xeral de Galicia pois poderían constituír, na nosa opinión, un triste caso de prevaricación por parte do equipo de goberno e do alcalde do PP.


En Outes, 16 de Outubro de 2004